Isto, como di a cabeceira, é un almanaque. Publicado no Centenario das Irmandades da Fala. Un Almanaque recolle anécdotas, feitos e persoas. Mais é a historia quen nolos explica. Aquí recollemos biografías e acontecementos tanto dos protagonistas das Irmandades, dos precursores, como de aqueles que seguiron o camiño por eles encetado.
Almanaques ten habido de toda a clase. De pensamento, de lúas ou de tarefas agrícolas. De historia, de literatura ou de política.
Galiza conta con almanaques desde hai dous séculos. Mais nunca houbo un Almanaque das Irmandades, das Irmandades da Fala.
Agora xa o hai. Mais o que ves é só o comezo. Para o completar necesitamos axuda, moita axuda ou aínda mellor moitas axudas. Non é que non teñamos unha entrada e unha foto para cada día do ano. Diso temos. Mais precisamos que isto sexa compartido, divulgado e … completado. No formulario que acompaña podes, podedes, enviar entradas para este almanaque. E iremos sumando ás que xa están. En poucos días publicaremos todas as entradas até o 18 de maio e despois até o final.
Este Almanaque é unha ferramenta sinxela. Só enunciamos a efeméride e escribimos unhas liñas. Queremos espertar a curiosidade. Será noutros lugares onde poderedes atopar todas as respostas (ou non…). De calquera xeito nós non as temos, ou cando menos estamos máis cargadas de respostas do que de perguntas.
Todas as que como nós queirades un futuro para o noso pasado ALMANAQUEADE connosco
Agardamos por vós no ALMANAQUE.