Seis poemas galegos de García Lorca
27 - Decembro
O 27 de decembro de 1935 sae do prelo Seis Poemas Galegos de Federico García Lorca. Os Seis poemas galegos de Lorca, con prólogo de Eduardo Blanco Amor, foron impresos pola editorial Nós, de Ánxel Casal. Para entendermos correctamente estes poemas é preciso ter en consideración os amigos galegos de Lorca: Eduardo Blanco Amor e Ernesto Guerra da Cal, que sería o auténtico incitador poético dos versos de Lorca. García Lorca visitou Galiza na primavera de 1932 invitado para impartir varias conferencias e cando regresou a Madrid xa levaba prefigurado o poema Madrigal â cibdá de Santiago. Atrapado polo evocador nome da Quintana dos mortos, aínda escribiu tempo despois o poema Danza da lúa en Santiago, escollido polo editor para pechar o volume.