María Miramontes
6 - Abril
O 6 de abril de 1895 nace en Guísamo (Bergondo – A Coruña) María Miramontes, animadora e impulsora das escolas de ensino galego. Sendo moi nova establece relación cos núcleos galeguistas da cidade e comeza a súa militancia nas Irmandades da Fala e terminando por formar parte da súa Xunta Directiva. Seguramente é aquí onde coñece o seu home Ánxel Casal. No ano 1933, no Día da Patria, un grupo de mulleres militantes do Partido Galeguista, entre as que está María, asina un chamamento público dirixido a todas as mulleres para que tomen conciencia dos valores galegos. Sairá editado o 3 de agosto no xornal “La Razón de Lalín” e inmediatamente despois en “A Nosa Terra”. Coincidindo coa publicación deste chamamento, neste xornal créase unha sección fixa dedicada ás mulleres titulada O recanto da muller. No mes de novembro de 1936, meses despois do asasinato de Ánxel Casal, María embarca vía Lisboa, rumbo a Bos Aires.