Lois Peña Novo
7 - Xullo
O 7 de xullo de 1920 Lois Peña Novo tomou posesión da súa acta como concelleiro do Concello da Coruña, e con el chegaba por primeira vez o galego a un Salón de Plenos. No seu cargo fixo que a bandeira galega ondeara no Concello e con el comezou a lingua galega o seu proceso da normalización na vida administrativa. Foi un dos máis activos redactores do Programa das Irmandades da Fala aprobado na Asemblea Nacionalista de Lugo. Membro da comisión redactora do Proxecto de Estatuto de Autonomía e poñente na presentación e defensa dese Proxecto Estatutario, en xuño de 1936 participa activamente na campaña a prol do Estatuto. Lois Peña Novo foi, con varios libros e centos de artigos publicados en El Pueblo Gallego, Galicia, A Nosa Terra, Acción Coruñesa ou Nós, un dos principais estudosos da realidade socioeconómica galega do primeiro terzo do século XX.