Ingreso na Academia de Amador Montenegro
13 - Decembro
O 13 de decembro de 1909 ingresa na Academia Galega Amador Montenegro. O seu discurso de ingreso na institución, titulado Alma d’a Poesía Gallega, foi o primeiro que se leu en galego na historia da Academia, e a el respondería, tamén en galego, o académico Juan Barcia Caballero. Escritor e xornalista fundou a revista A Monteira en 1889. Ademais do seu labor n’A Monteira Montenegro Saavedra desenvolveu unha ampla actividade xornalística en numerosas cabeceiras de xornais de Galiza e América, case toda ela en galego. En 1888 publicaría a súa primeira obra poética, Muxenas. Alén da poesía, Amador Montenegro cultivou a narración, onde salientan os seus contos populares. Moitas das súas obras aparecerían en publicacións periódicas como Galicia, El Eco de Galicia ou A Monteira.