II República
14 - Abril
O 14 de abril de 1931 proclámase a II República española. Na Coruña, ás cinco e cuarto da tarde, estando no despacho oficial da alcaldía o Alcalde, presentouse a maioría da nova Corporación, seguida dunha enorme multitude (entre a que se atopaban Casal, o seu irmán máis novo e María Miramontes xunto con numerosos membros da Irmandade da Fala) que invadía os salóns e ocupaba grande parte da Praza de María Pita. O obxecto da multitude, encabezada por Lens Vieira era tomar posesión en nome da República dos cargos municipais. Por maioría e aclamación popular do público, proclamábase a República. Inmediatamente, acordouse solicitar do Goberno a amnistía para os presos e deportados, renomeáronse con nomes alusivos varias rúas e comezou un período de revisións da actuación dos gobernos municipais dos oito anos da Ditadura.