Ferro Couselo
30 - Xullo
O 30 de xullo de 1906 nace no concello pontevedrés de Valga o historiador e investigador Xesús Ferro Couselo. Creou e dirixiu a revista Tude e xogou un papel decisivo na fundación da revista Posío. Arte y Letras. Como director do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense iniciou a publicación do Boletín del Museo Arqueológico Provincial de Orense e do Boletín Auriense. Ademais de artigos históricos, etnográficos, artísticos e lingüísticos publicados en xornais e revistas é autor de A vida e a fala dos devanceiros, recompilación dun total de 604 documentos escritos en galego entre os séculos XIII e XV. Exerceu de profesor, xunto con Blanco-Amor, nos primeiros cursos de galego que se impartiron en Ourense durante a ditadura e promoveu a celebración de misas en galego. Participou na fundación do Partido Galeguista e foi membro da Real Academia Galega.