Editorial Lar
29 - Novembro
O 29 de novembro de 1924 empeza a publicar a Editorial Lar. Leandro Carré Alvarellos xunto con Ánxel Casal crearon Lar, o primeiro intento dunha editorial autenticamente galeguista. Nacía co obxectivo de popularizar, estender e divulgar a literatura galega, e máis concretamente a novela. Tivo como sede o primeiro andar do número 36 da Rúa Real da Coruña e editábase na imprenta Moret. A Editorial Lar abriría o seu catálogo cunha colección de novelas breves sendo o seu primeiro título A miña muller de Wenceslao Fernández Flórez. Inicialmente a publicación era quincenal pasando máis tarde a unha edición mensual. A capa da colección estaba deseñada por Camilo Díaz Baliño. En total Carré e Casal publicarían 40 volumes cunhas tiradas que mesmo chegaron a superar os 3.000 exemplares. Cada novela vendíase a 30 céntimos. Publicarán en Lar tanto nomes xa consagrados como escritores máis novos. Otero Pedrayo, que se deu a coñecer como narrador en galego nesta colección, Lesta Meis, Aurelio Ribalta, Leandro Pita Romero, Xulián M. Magariños, Luís Amado Carballo ou Armando Cotarelo Valledor, son algúns dos nomes dunha longa lista.