A Fuliada
26 - Xullo
O 26 de xullo de 1888 desaparece A Fuliada, revista editada na Coruña. En marzo de 1887 e a xeito de continuación de O Antroido, apareceu en Betanzos A Fuliada. A aparición na Coruña algúns meses despois, febreiro de 1888, dunha nova revista con idéntico título pode explicarse seguramente polo feito de tanto o director, Ángel Vázquez Taboada, como A. Amenedo Ponte, o editor da revista betanceira, se instalaren na Coruña. Aínda así A Fuliada da Coruña non é unha continuación da de Betanzos, pois dende o principio apareceu cunha numeración independente. O seu título completo foi: A Fuliada ou zanfona semanal d’alegrias ou de bágoas segun qu’o pobo gallego s’adivirte, canta ou laya, e saía os xoves de cada semana.
A Fuliada tiña unha orientación literaria mais tamén de crónica de actualidade. Igual criticaba as desigualdades sociais que denunciaba a situación dos labregos ou criticaba os desleigados que desprezaban o idioma propio do país.