A Fonte do Xuramento
13 - Agosto
O 13 de agosto de 1882 estréase A Fonte do Xuramento de Francisco Mª de la Iglesia, a que se considera a primeira obra representada en galego. Con ela iníciase o camiño do teatro galego culto. Un dos problemas do teatro desta época foi sen dúbida a súa posta en escena. A contradición entre ideoloxía e acción transformarían nun acto case heróico a posta en escena dunha obra en galego, pois ademais dos custos económicos sería preciso resolver o problema de que actores e actrices falasen galego. As dificultades de que as mulleres de clase media urbana falen galego no escenario compróbanse en que o papel de Minia en A fonte do Xuramento foi interpretado por unha actriz de orixe francesa. A obra estréase na Coruña polos afeizoados do cadro de declamación do Liceo Brigantino con moi boa acollida, o que leva a que se volva representar o 27 dese mes no mesmo lugar e o 23 de outubro no Teatro Principal da mesma cidade.