Default title

Carregar Eventos

« All Eventos

  • Este evento já decorreu.

O Himno na Galiza (1909-1936)

16 - Março

Aínda que tivo as denominacións de Marcha Rexional Galega e Himno Rexional Galego pronto pasaría a chamarse Himno a Galicia e xa definitivamente Himno Galego.
No mes de marzo de 1917 Xosé Fontenla chega á Galiza comisionado polo Centro Galego da Habana para acompañar os restos mortais do músico José Castro ‘Chané. Fontenla, o grande artífice na consagración do Himno con letra de Pondal e música de Veiga, ao día seguinte da súa chegada visitará Pondal, xa moi enfermo, que lle expresará o seu recoñecemento polo labor de difusión do Himno en Cuba. Pondal morrerá tres días despois, o 8 de marzo.
Os datos do enterro de Pondal coñecémolos pola prensa da época. Velado o cadáver de Eduardo Pondal polas Irmandades da Fala, por Murguía, amigo seu desde había 50 anos, e polos contertulios da Cova Céltica, o enterro foi de primeira clase, sufragado polo Concello. O enterro constituíu unha mostra de fervor institucional e popular. Presidírono as autoridades municipais en pleno co alcalde, Manuel Casás, á cabeza e os gardas municipais en uniforme de gala, xunto con representacións da Deputación Provincial, da familia e da Academia. Na comitiva ían comisións en representación de case todas as institucións coruñesas. Ao paso do coche fúnebre íanse cerrando as portas e escaparates de todos os establecementos comerciais e bancarios, seguindo as recomendación municipal. Unha multitude acompañou o paso do cortexo fúnebre.

Xa no cemiterio de Santo Amaro falarían o alcalde Casás e Manuel Lugrís Freire emocionando a todos os presentes.

Ao final un grupo das Irmandades ‘entonó, bien acordado y lleno de unción el viril “Himno a Galicia” que compuso el maestro Veiga sobre los magníficos versos de Pondal’.
Tamén se cantará na homenaxe que as Irmandades lle renden o 10 de marzo na Academia Galega, onde foi entoado con todos os asistentes postos en pé.
O 16 de marzo de 1917, aproveitando a estadía de Fontenla en Galiza, as xentes da Irmandade  da Fala da Coruña celebran un Xantar galeguista en homenaxe á memoria de Pondal, que acababa de morrer, Curros, que morrera nove anos antes, e Castro Chané, cuxos restos traídos de Cuba foran soterrados no cemiterio de Santo Amaro uns días antes, o 5 de marzo. Extendíase a homenaxe aos galegos emigrados simbolizados na figura de Fontenla Leal. Este xantar de recoñecemento e irmandade  acabaría co canto do Himno. Todos os actos que nestas datas teñen lugar en memoria de Pondal, van servir para a reivindicación do Himno como un dos símbolos nacionais, que se empezaba a sentir como o himno oficial.
Mais, con todo, nestes principios de 1917 o Himno en Galiza aínda non estaba nin extendido nin consagrado, algo máis a música pero practicamente eran só os membros das Irmandades quen coñecian a letra para acompañala. Para a súa expansión haberá que esperar a que frutifique o inxente labor das Irmandades da Fala.
Como inicio da presenza do Himno no interior da Galiza a partir da súa oficialización na emigración galega en Cuba, e como constatan Manuel Ferreiro Fernández e Fernando López-Acuña, vai ser ‘fundamental a aparición do libro Apuntes para la Historia del Centro Gallego de la Habana, publicado en 1909, onde se recolle e se difunde por vez primeira en texto impreso a partitura de Veiga, que, xuntamente co texto pondaliano, vai ser propagada a todas as publicacións do interior de Galiza e mais ás restantes comunidades emigrantes’.
Será a partir de 1909  cando pouco a pouco empezarían a aparecer as noticias sobre a interpretación do Himno.
Morto Pascual Veiga en Madrid na pobreza e no anonimato, o día 16 de setembro de 1912 exhúmanse os seus restos no cemiterio da Almudena, e custeada fundamentalmente  pola emigración, comeza a viaxe do traslado para ser soterrados no seu Mondoñedo natal. A revista Vida Gallega dará conta con detalle do que seguramente é o enterro máis multitudinario da historia de Mondoñedo, unha cidade enteira, engalanada  con crespóns negros. Será neste acto cando de xeito consciente, público e solemne se interprete por primeira vez o Himno en Galiza. A partir destas datas a súa interpretación  irá aparecendo en veladas, actos de honra, homenaxes, actuacións de coros, agrupacións, orfeóns e bandas.
Na Coruña nos anos 1915 e1916, co impulso do alcalde da cidade, máis tarde presidente da Real Academia Galega M. Casás Fernández, o Himno comeza a ser escoitado publicamente e con grande éxito. O propio Casás levaría tamén a interpretación do himno a actos oficiais cando dá instrucións ás escolas de que faciliten os ensaios para a súa interpretación pública en homenaxe a Concepción Arenal.
Nesta mesma cidade o 18 de maio de 1916 fúndanse as Irmandades da Fala que o adoptan como Himno e que o van consolidar como símbolo nacional. Na insistencia da importancia de expandilo e consolidalo queden estas palabras de Vilar Ponte: ‘Era una gran pena que este «Himno» nuestro, que no es oficial, pero que debiera serlo, fuese apenas conocido. Hay que hacer que lo sepan todos los gallegos. Deben tenerlo en su repertorio todos los orfeones (…); deben cantarlo todos los coros que aspiran a reconstituir la música regional y repetirlo jóvenes y viejos de vuelta de las romerías. Debe, en fin, hacerse popular y ser escuchado con la cabeza descubierta. En ello no hay ni puede haber nada inquietante. No es un himno que cante violencias sino el santo amor a la región’.

As Irmandades establecerán así mesmo o cerimonial ligado á súa interpretación: público posto en pé, homes coa cabeza descuberta e en ambiente solemne.

Con todo, o Himno seguía sendo fundamentalmente interpretado, existindo un descoñecimento da letra que facía que moi poucas persoas puidesen acompañar a música co canto da letra. Para sulucionar esta deficiencias, e fundamentalmente pola insistencia dos membros das Irmandades, aparecería mesmo a divulgación da letra na prensa. Así o 27 de agosto de 1916 La Voz de Galicia publicará as tres primeiras estrofas: ‘La letra, consta de varias estrofas, aunque son tres las que más se cantan. Y ya que se nos ha pedido, la daremos a conocer a los lectores’. E o mesmo xornal a fins de 1916 dará esta información: «el ‘Himno a Galicia’ se ha hecho francamente popular. Se canta en todas las escuelas, lo corean las gentes, es familiar y querido» [ ]. De feito a partir da creación das Irmandades  practicamente todos os actos dos coros, orfeóns e bandas rematarán coa interpretación do Himno, que tamén se utilizará para cerrar os máis diversos actos, ben sexan festivos, homenaxes, cívicos, culturais ou políticos,  o que fará que se vaia asentando en todos os estratos sociais. O 19 de novembro de 1918 realízase a 1ª gravación do Himno Galego que correu a cargo do Coro Cantigas e Aturuxos de Lugo que o grava despois de o interpretar na sesión de clausura da Asemblea Nazonalista de Lugo.
Tamén  estará presente en todos os actos ao redor do 25 de Xullo, actos que se celebrarán a partir de 1920. Nesta data do 25 de xullo de 1920, conforme ao acordado na II Asemblea Nacionalista celebrada en Compostela, as Irmandades da Fala convocarán por primeira vez o Día da Patria Galega coa intención “de autoafirmación e para que dentro de poucos anos, o 25 de xullo, non haxa un fogar galego que non deixe de exteriorizar o seu patriotismo”.
Así e até 1923 o Himno  estará presente nos actos como elemento indispensable. Mais será nese ano cando, coa ditadura de Primo de Rivera, polo Real Decreto do 18 de setembro do 1923, se prohiben as bandeiras, afectando a todos os símbolos rexionais. Durante os anos seguintes o Himno matería a súa simboloxía mais baixo a concepción de canción dentro do folclore galego, e mesmo sufriría campañas de prestexio desde a prensa antinacionalista. Este decreto sería derrogado  polo Real Decreto de 9 de Xuño de 1930.
Chegada a II República Española, o 6 de decembro de 1931 fúndase o Partido Galeguista que recoñece  o himno con letra de Pondal e música de Veiga  como Himno nacional, e como tal estará presente en todos os actos, accións e iniciativas impulsadas polo nacionalismo:

‘O noso himno nacional é o himno galego, escrito pol-o gran poeta Eduardo Pondal e con música do compositor Pascual Veiga. Iste himno foi titulado pol-o seu autor OS PINOS, porque n-il os piñeiros representan os nosos antepasados que chaman por nós pra que defendamos a nosa Patria, a Patria galega’.

Desde 1931 a 1936 o Himno galego estará presente mesmo en actos de exaltación republicana, feito recollido na prensa da época. Así o semanario Claridad, no número do 24 de marzo de 1934,  falando dos actos de conmemoración do Pacto de Lestrobe, expresa: «Os hinos galego e de Riego poñen fin á parte pública do acto sinxelo e emocionado».
A ditadura fascista do 36 poñerá fin a calquera presenza pública do Himno Galego.

Notas.

Aquelas persoas, revistas, xornais ou feitos que tiveron entrada ou forman parte dunha entrada no Almanaque da Asociación Cultura Alexandre Bóveda e a AS-PG van citados en nota por orde de aparición indicando día e mes.
Himno, 22 de maio e 20 de decembro
Fontenla Leal, 12 de febreiro
Centro Galego da Habana, 23 de novembro
José Castro ‘Chané, 27 de xaneiro
Eduardo Pondal, 8 de marzo
Pascual Veiga, 9 de abril
Irmandades da Fala, 18 de maio e 30 de xuño
Manuel Murguía, 1 de febreiro
Xantar galeguista, 16 de marzo
Curros, 31 de marzo, 20 de maio, 11 de agosto, 15 de setembro, 23 de setembro e 21 de outubro
Real Academia Galega, 30 de setembro
Concepción Arenal, 31 de xaneiro
A. Vilar Ponte, 8 de xaneiro e 2 de outubro
1ª gravación do Himno Galego, 19 de novembro
25 de xullo, 25 de xullo
II Asemblea das irmandades da Fala, 9 de novembro
II República Española, 14 de abril
Partido Galeguista, 6 de decembro
Semanario Claridad, 23 de decembro
Pacto de Lestrobe, 26 de marzo
Golpe de estado, 18 de xullo

Detalhes

Data:
16 - Março