Teodoro Morgade
23 - Xullo
O 23 de xullo de 1935 morre aos 20 anos afogado no mar da Coruña Teodoro Morgade Varela. Con Jenaro Marinhas e outros amigos crea a Sección de Estudios Locales y Gallegos dentro do Circo de Artesáns. Xa como estudante en Compostela intégrase en organizacións xuvenís de carácter progresista e galeguista, entre elas as Mocedades Galeguistas. Unha das principais actividades que levaron a cabo as Moc edades Galeguistas foi a campaña a prol do Estatuto de Autonomía, campaña en que Teodoro participou repartindo folletos e organizando mitins onde interviñan destacados membros do galeguismo republicano. Da súa vocación literaria queda constancia polos seus amigos, entre os que se contan Marino Dónega e Xenaro Marinhas, que en 1963 reuniron os seus poemas no folleto Cartafol, versos recollidos da correspondencia do autor.