Seis poemas galegos de García Lorca
6 - Novembro
O 6 de novembro de 1935 Eduardo Blanco Amor embarca rumbo a Bos Aires logo de deixar pechada a edición de Seis poemas galegos de Federico García Lorca. Nestes versos é indiscutible o papel xogado polo propio Blanco Amor e por Ernesto Guerra da Cal, a quen Blanco Amor considerará o incitador poético do libro. Nunha carta enviada o 22 de setembro Blanco Amor dá conta a Federico do estado da edición. Blanco Amor encargáralle a Suárez Picallo corrixir as probas de imprenta xunto con Ánxel Casal e supervisar a impresión do texto. Os Seis poemas galegos, con prólogo do propio Blanco Amor, foron impresos pola editorial Nós de Ánxel Casal na rúa do Vilar de Compostela en decembro de 1935, e ese mesmo mes Ánxel Casal enviaralle a García Lorca os primeiros exemplares. A revista Nós no nº 137-138 de maio-xuño de 1935 anunciaba o libro entre as novidades da editorial. Lorca e o seu editor Ánxel Casal serán asasinados o mesmo día, un tráxico 19 de agosto do 1936.