Salvador Golpe
23 - Xuño
O 23 de xuño de 1909 morre na Coruña o intelectual, xornalista, ensaísta, poeta e político Salvador Golpe Varela. Activista do movemento rexionalista foi concelleiro no concello da cidade. Era membro do faladoiro coruñés da Cova Céltica. Iniciouse como xornalista en El Diario de Santiago e fundou con Ramón Faginas El Clamor de Galicia. Tamén, xunto con Faginas e o seu irmán Xoán Golpe, fundou o periódico rexionalista Unión Gallega, do que foi director. Foi fundador e académico numerario da Real Academia Galega e secretario da Sociedad del Folk-lore Gallego, presidida por Emilia Pardo Bazán.
Cunha ampla obra en prosa os seus poemas foron só publicados en revistas e xornais. Entre eles está o poema Meus Amores, ao que o Mestre Baldomir puxo música.