- Este evento pasou.
Ricardo Portela
4 - Novembro
O 4 de novembro de 1920 nace en Viascón (Cotobade), Ricardo Portela, considerado un dos mellores gaiteiros galegos da historia. Despois de trece anos sen tocar a gaita por non encontrar unha de calidade parecida á que lle roubaran no servizo militar tivo referencias dun artesán de Lugo que seguía as directrices de Faustino Santalices a quen lle encargará dúas. En 1955 emigrou a Venezuela onde fundou a Escola de Gaita do Lar Galego de Caracas. Ao regreso, en 1959, estableceuse en Pontevedra. En 1979 escoita unha gaita que lle recorda a que lle roubaran. Estaba feita por Xosé Seivane. Con esa, e dúas máis que lle encarga, gravará gran parte da súa música. En 1968 gravou na compaña do seu irmán Xesús, o seu primeiro disco, Irmáns Portela. En 1980 edita en solitario o segundo, Festa en Viascón. O seu último disco, Alborada en Cotobade, aparece no ano 1990. A súa figura foi fundamental para a formalización por escrito o 28 de maio de 1988 dos primeiros estatutos da Asociación de Gaiteiros Galegos, da cal foi Presidente Fundador e Presidente de Honra.