Ricardo Carvalho Calero
25 - Marzo
O 25 de marzo de 1990 morre o filólogo e escritor Ricardo Carvalho Calero. Foi membro do Seminario de Estudos Galegos. Cofundador do Partido Galeguista, integrou, con Castelao, Alexandre Bóveda, Lugris Freire, Paz Andrade e Tobio Fernández, o seu Conselho Assessor. En 1939, terminada a guerra, foi xulgado e condenado por separatista a cadea perpetua, que sería reducida a doce anos e un día de prisión maior. Conta cun importantísimo traballo investigador. Un dos froitos dese traballo é a Historia da literatura galega contemporánea. En 1972, foi nomeado primeiro titular da cátedra de Lingüística e Literatura Galega.
Ademais da súa extensísima e sobranceira obra ensaística, cultivou a poesía, o teatro e a narrativa con obras imprescindibles dentro da literatura galega. A súa novela A xente da Barreira é a primeira novela galega de posguerra.
Na década 1980, fóra xa do ámbito docente, intensificou a actividade literaria. Foi nomeado membro ordinario da “Academia das Ciências de Lisboa”, membro de honra da “Asociación Galega da Lingua”, das “Irmandades da Fala da Galiza e Portugal” e da “Asociación de Escritores en Lingua Galega”.