Loading Events

« All Events

Revista Céltiga

30 - Setembro

O 30 de setembro de 1924 sae o primeiro número da revista Céltiga, co subtítulo de Revista Gallega de arte, crítica, literatura y actualidades. Publicación quincenal editada por la Editorial Céltiga foi publicada en Bos Aires  e aparecía os días 10 e 25 de cada mes. Saíu até o 25 de xullo de 1932. Adolfo Vázquez, Eduardo Blanco-Amor, Eliseo Pulpeiro e Ramón Suárez Picallo foron os directores literarios desta publicación pola que desfilaron Castelao, Maside, Suárez Couto, Francisco Asorey ou Luis Ksado, publicación que se converteu no punto de encontro da intelectualidade galega residente en Arxentina entre 1924 e 1932. Céltiga era  unha revista cultural ilustrada que trataba diferentes temas relativos a Galiza e na que se percibía a liña galeguista, que se fixo máis patente coa inclusión da sección Idearium Galeguista. Na súa idea de achegar aos lectores a realidade cultural galega inclúe notas biográficas de artistas galegos, comentarios bibliográficos, reprodución gráfica da súa obra ou colaboracións literarias, informando así mesmo de temas da actualidade galega. Foi unha publicación cun coidado deseño que incluía numerosas ilustracións, fotografías, reproducións de obras dos artistas galegos máis destacados, debuxos e viñetas humorísticas.

Details

Date:
30 - Setembro