- Este evento pasou.
Primeiro texto en galego de Rosalía de Castro
24 - Novembro
O 24 de novembro de 1861 publícase o primeiro texto en galego de Rosalía. Sería o poema ¡Adiós qu´e eu voume! e que logo se consagrará como Adiós ríos, adiós fontes. O poema publicase por primeira vez solto en El Museo Universal e conservará este título nas súas edicións soltas de 1862, tanto na revista Galicia. Revista universal de este reino como en El Álbum de la Caridad. Este título desaparecerá das edicións en libro, pasando a titularse cos primeiros versos do cantar popular que glosa o poema, Adiós ríos, adiós fontes. Outra singularidade da edición do poema publicada en El Museo Universal é a inclusión dunha estrofa que desaparece na edición de Galicia, na edición do Álbum de la Caridad e que tamén desaparecerá das edicións en libro. Tras a estrofa que remata co verso o que naceu desdichado aparecía na edición de El Museo Universal a estrofa Por xiadas, por calores / desde qu´amañece ó día / dou á terra os meus sudores /mais canto esa terra cría/ todo… todo é dos señores. As edicións en libro do poema engadirían o cantar popular, que non está nas tres edicións soltas Adiós, rios, adiós fontes, / adiós regatos pequenos, / adiós vista dos meus ollos / non sei cando nos veremos.