Cargando eventos

« Todos os eventos

Mulleres Socias Activas e Socias Proctectoras no SEG

31 - Xaneiro

A case exclusiva presenza de homes nas Irmandades, Nós, Seminario de Estudos Galegos ou Partido Galeguista demóstranos claramente o escaso papel que aínda cumprían as mulleres na esfera do público no primeiro terzo do século XX, e mesmo non será até 1931 cando se aprobe o seu dereito  a voto. Aínda con todo algún avance podemos observar en casos como o do nomeamento da primeira muller alcaldesa, Concepción Pérez Iglesias, en 1925.  Esta situación  social da muller está tamén no ensino, sector de onde sairían as primeiras mulleres ligadas ao SEG. Aínda que a partir de 1910 as mulleres poden acceder a todos os graos do ensino, incluído o universitario, a súa incorporación é moi lenta e a súa primeira especialización vai ser a de mestra, a carreira considerada a máis idónea para o mundo feminino polo seu especial vínculo coa infancia.
Aínda que os movementos galeguistas deste primeiro terzo do século XX reivindicarían sempre a igualdade de dereitos e procuraron atraer as mulleres ás súas organizacións, como podemos comprobar no Manifesto da Asemblea Nazonalista de Lugo, asinado ‘Na cibdá de Lugo, a noite do dazaoito de Samartiño do mil novecentos dazaoito’,  con todo escasa vai ser a súa presenza. Centrándonos no Seminario de Estudos Galegos, no vai aparecer ningunha muller entre os socios fundadores, nin formando parte das xuntas directivas, comisións directoras, conselleiros ou no cargo de directores de sección. Así mesmo a súa actividade de colaboración vai ser contada e esporádica.
Segundo o estatutos de 1923, os primeiros do Seminario de Estudos Galegos, para ser socio do SEG precisábase ser proposto por un socio e admitido na xuntanza seguinte á que se fora proposto. Unha vez elixido tería que presentar un traballo orixinal e inédito sobre algún tema galego e, a partir dos catro meses seguintes un traballo anual obrigatorio. Estes estatutos de 1923 así mesmo establecían tres tipos de socios: os Socios Asesores, que serán propostos pola Sección Directora, con residencia en Compostela e dirixirán todos os traballos; os Socios Numerarios, propostos por un socio e admitidos na xuntanza seguinte e que teñan feito o seu traballo de ingreso; e os Correspondentes, que serán os colaboradores do SEG que non poidan asistir ás Xuntanzas e os Numerarios que non teñan presentado o seu traballo de ingreso. Mais todas estas normas, e tal como indica Alonso Mato, só foron cumpridas en parte. Así constatamos nos tres primeiros cursos,  e segundo ten documentado o propio Alonso Mato, só 46 socios dos 76 admitidos leron o seu traballo de ingreso.
Nos cursos de 1926-27 a 1929-30, a etapa de consolidación do SEG, a principal novidade en canto aos socios é a aparción da figura de Socios Protectores, aqueles que contribuirán ao mantemento do SEG con achegas económicas, e serán a base dunha rede social implicada na súa actividade.
Na etapa a partir do curso 1930-31, a etapa da República, na reforma dos seus estatutos, os socios quedarían especificados en Socios Activos e Socios Proctectores. Serían activos aqueles socios que colaboren nos traballos do SEG e sexan admitidos pola Comisión Directora, logo de ser presentados por dous socios activos ou polo Director da Sección en que vai traballar. Os Protectores serán aqueles, activos ou on, que contribúan con achegas económicas ao sostemento do SEG.
Recollemos agora ese pequeno grupo de mulleres que, ben como Socias Activas, ben como Socias Proctectoras estiveron vinculadas ao Seminario de Estudos Galegos. Desgrazadamente a falta de documentación, ou documentación non atopada até o momento, enche de lagoas algúns datos do Seminario.
Como Socias Activas do Seminario constan:
Amparo Arango Hernández. Admitida na sesión do 9 de novembro de 1929.
María del Carmen Corredoyra y Ruiz. Con data de ingreso do 27 de abril de 1928. Presenta o traballo de ingreso titulado ‘Cabeza’ (óleo).
Luisa Cuesta Guitiérrez. Admitida en sesión do 25 de outubro de 1924. Ingresa co traballo ‘La emigración gallega a América’.
Josefa Iglesias Vilarelle.
Sara Leirós Fernández. Ingresa en outubro de1929 co traballo titulado ‘El Padre Feijóo. Sus ideas crítico-filosóficas’.
Mª Pura Lorenzana Prado. Ingresa o 3 de maio de 1930 co traballo ‘Mámoa do Saviñao. A anta de Abuíme e a necrópole do Monte da Mora’,  en colaboración con Cuevillas e Antonio Fraguas.
Dolores Lorenzo Salgado. Admitida o 9 de novembro de 1929 na mesma data en que está rexistrado o seu ingreso. Presenta o traballo ‘Sobre la presencia de la magnetita en las arenas de las playas gallegas’, en colaboración con Isidro Parga Pondal.
Mª del Carmen Sierra Domínguez. Admitida na sesión do 16 de novembro de 1923.
Margot Sponer.  Proposta en sesión do 9 de outubro de 1926.
No Álbum de mulleres cítase ademais a Carmen Rey como recollida nas actas da institución como asistente, en dúas ocasións, en febreiro e marzo de 1928, igual que Pura Lorenzana.

Constan en documentación 11 mulleres como Socias Proctectoras do Seminario:
Emilia Álvarez Álvarez, muller de Fermín Bouza Brey; Socorro de los Arcos Usero, Licenciada en Filosofía e letras e con varios premios durante a carreira; Pilar Bermúdez de Castro y Feijoo; Inés Corral Mariño; Encarnación Fraga Padín, ‘Dona Choncha’, licenciada en Químicas e Farmacia e  coautora, xunto a Parga Pondal, do traballo «Quimismo de la pepmatita litinífera de Goyás (Lalín); Daría González García-Paz, licenciada en Filosofía e Letras (sección Historia) en 1935. Era irmá do arquólogo e historiador  e membro do Consello Director do Seminario de Estudos Galegos Sebastián González García-Paz; Josefa Iglesias Vilarelle, tamén Socia Activa do Seminario. Cursou Maxisterio  e foi a primeira muller en publicar un texto didáctico, sendo este ademais o primeiro texto para a aprendizaxe en galego, o seu ‘Método de lectura’; Carmen Pardo Losada; Matilde Pondal Araoz, nai do docente e científico Isidro Parga Pondal, membro do Seminario de Estudos Galegos a través do que levaría a cabo un importante labor galeguizador no ámbito universitario; Mercedes da Vilabella e Angelita Varela Prol, marquesa de Atalaya Bermeja e condesa del Valle de Oselle e a máis importante protectora en canto a cuantías.

Nota.
Aquelas persoas, revistas, xornais ou feitos que tiveron entrada ou forman parte dunha entrada no Almanaque da Asociación Cultura Alexandre Bóveda e a AS-PG van citados nesta nota indicando día e mes.

Irmandades da Fala, 18 de maio
Seminario de Estudos Galegos, 12 de outubro
Partido Galeguista, 6 de decembro
I Asemblea das Irmandades da Fala, 18 de novembro
María del Carmen Corredoyra y Ruiz, 17 de novembro
Luisa Cuesta Guitiérrez, 18 de outubro
Sara Leirós Fernández, 31 de maio
Dolores Lorenzo Salgado, 10 de novembro
Mª del Carmen Sierra Domínguez, 3 de maio
Fermín Bouza Brey, 11 de xuño
Isidro Parga Pondal, 17 de decembro
Sebastián González García-Paz, 16 de maio

Detalles

Data:
31 - Xaneiro