Cargando eventos

« Todos os eventos

Pintoras de fins do XIX e comezos do XX

6 - Xaneiro

Carmen Babiano. Retrato de R. Vives

Se les enseñará con preferencia el dibujo de adorno, como más necesario a las labores de su sexo, quedando no obstante en libertad la que quiera dedicarse al dibujo natural previo consentimiento de sus padres o encargados´. Estatutos da Sociedade Económica de Santiago de Compostela.

Non sendo Galiza nestes momentos lugar de referencia para a educación e promoción artística, mesmo moitos homes fixeron a súa formación fóra, demasiados serían os límites para as mulleres con roles sociais establecidos e promovidos, situación que compartía con todo o estado. Aínda que a Ley Moyano de Educación de 1857 establecía a escolarización obrigatoria para todos os españois entre os seis e os nove anos, a primeiros do século XX só un 13,64% de mulleres en Galiza estaban alfabetizada frente a un 81,36% que non sabían ler nin escribir. En todo o estado seguiría a darse o debate sobre a necesidade da educación no ámbito feminino inclinándose, en todo caso, por unha educación específica propia de mulleres e prefixando temas e formas. Mostras temos da denuncia desta situación.

 

 

Sirva como exemplo o fermoso e contundente poema de Rosalía:

D’aquelas que cantan as pombas y as frores

Todos din que teñen alma de muller,

Pois eu que n’as canto, Virxe d’a Paloma,

¡ay!, ¿de qué’a terei?

                      (Follas Novas, 1880)

Os mesmos prexuízos para a muller escritora daranse para a muller pintora. Os seus temas deberían aterse a retratos, interiores, bodegóns e plácidas paisaxes. Unha práctica con modelo nu, técnica esencial no ensino académico masculino, estivo desterrada da formación artística da muller.

Tampouco serían moitos os lugares onde a muller podería formarse. Como lugares de formación oficiais contaban coa Sociedade Económica de Santiago de Compostela, a Academia Provincial de Belas Artes da Coruña, As Escolas de Artes e Oficios e as Bolsas das institucións, fundamentalmente das Deputacións provinciais. Mais mesmo nestes centros oficiais, e como cita Fernando Pereira Bueno, o ensino estaba cargado de prexuízos contra a muller: ‘Algúns profesores foron remisos a dar clases ás mulleres, considerando estas como mero pasatempo. É ilustrativa a denuncia da alumna Josefa Adelaida Conde ao queixarse de que “alguno de los profesores se entretenía en leer una novela en lugar de atender a las alumnas” (1883). Refírese ao profesor Isidoro Brocos. Tamén é moi ilustrativa, a alegación do profesor Cayetano López para non dar clases ás señoritas porque “se eleva considerablemente la temperatura en el aula” (1882).

Entre as sociedades non oficiais estaban o Círculo de Artesáns de Coruña, Recreo de Artesáns de Ourense, Círculo de Belas Artes de Lugo, Círculo Católico de Obreiros de Ourense, Recreo Artístico de Vigo, Sociedade Amigos del Paisaje Gallego e a Sociedade Amigos del Arte de Santiago de Compostela. Algunas seguirían aulas de formación particulares.

Ao lado dese nome con maiúsculas que é o de Maruxa Mallo, no último terzo do XIX e primeiro do XX imos ter mulleres pioneiras, pintoras de maior ou menor calidade e mulleres que se consagrarían como pintoras. Citaremos algunhas delas. Dado que neste Almanaque se recollen algúns destes nomes, vai marcada a entrada citada polo día e o mes.

Carmen Babiano, Santiago de Compostela 1852

Carmen Rodríguez de Legísima, Piñor de Cea 1858

Elvira Santiso, Betanzos 1872

Elina Molins, Vigo 1875

Oria García Ramírez (Oria Moreno), Cebreros 1881

Elena Olmos, A Coruña 1899

Juana Brocos, Santiago 1889

María Corredoyra, A Coruña 1893 (17 de novembro)

Maruxa Mallo, Viveiro 1902 (6 de febreiro)

Mª Dolores Díaz Baliño, A Coruña 1905 (6 de xaneiro)

Xulia Minguillón, Lugo 1906

Concha Vázquez, Santiago 1906

María Antonia Dans, Oza dos Ríos 1922

María Victoria de la Fuente, Vigo 1927

Mercedes Ruibal, Santo Andrés de Xeve 1928

A estes nomes máis salientables hai que sumarlle ao redor de 80 de mulleres que participan nos certames e exposicións colectivas e, aínda qua a participación das mulleres non superará o 10%, si hai varios casos de premiadas:

En 1875 na Exposición Rexional de Santiago Purificación Rois é galardoada coa Medalla de Ouro, Carmen Babiano Medalla de cobre e Carmen Sancho cunha mención honorífica.

En 1896 na Exposición rexional de Lugo Julia Alcayde y Montoya e Asunción Andrés y Pérez obterán unha Medalla de Honor e Concepción Constela de Vega un Diploma.

En 1904 e 1906 nas Exposicións Nacionais de Belas Artes María de los Dolores del Adalid y González Garrido obterá mencións honoríficas.

En 1909 na Exposición Rexional de Santiago de Compostela Oria García Ramírez é galardoada coa Medalla de Prata. A Medalla de Ouro será para Elvira Santiso.

Na exposición celebrada no Teatro Romea de Ferrol é premiada Herminia Guerrero.

A mediados dos anos vinte aparecerán as primeiras exposicións individuais de mulleres.

Elvira Santiso, Juana Brocos, Oria Moreno, María Corredoira e Dolores Díaz Baliño compaxinarían pintura e ensino.

Detalles

Data:
6 - Xaneiro