- Este evento pasou.
Luís Porteiro Garea
16 - Novembro
O 16 de novembro de 1889 nace en Lugo o avogado, xornalista, conferenciante, activista cultural e político Luís Porteiro Garea. Na primeira década do Século XX Porteiro Garea será dos primeiros activistas estudantís que alentados por Salvador Cabeza de León e Armando Cotarelo Valledor toman consciencia da necesidade de galeguizar a universidade. Participará activamente nas mobilizacións anticaciquís e agrarias e será un dos asistentes á reunión fundacional da Irmandade da Coruña. Dez días despois fundará a Irmandade da Fala de Compostela. Porteiro Garea será un dos ideólogos do nacionalismo das Irmandades da Fala que defenden superar as reivindicacións puramente lingüísticas e culturais e avanzar cara a creación dunha organización de perfil máis político. Foi colaborador en diversas publicacións como El Radical, Gaceta de Madrid, Estudios Gallegos e A Nosa Terra. Faleceu aos 29 anos como consecuencia da pandemia de gripe que asolou Europa en 1918. Está soterrado no adro da Igrexa Parroquial de Santa Mariña de Gafoi no Concello de Frades.