Cargando eventos

« Todos os eventos

Linteis do Pórtico da Gloria

1 - Abril

Pórtico da GloriaO 1 de abril de 1188 foron colocados os linteis do Pórtico da Gloria polo Mestre Mateo. Levaba, o Mestre Mateo, traballando na obra vinte e oito anos, pois o rei Fernando II contratárao de por vida en 1168 cun soldo de cen marabedís anuais. Aínda faltaba algún tempo para que o Pórtico estivese rematado, pero o principal estaba feito e orgulloso da súa obra amais da data e para que non houbese dúbidas sobre a autoría, esculpiu:

“No ano da Encarnación do 1188, da era 1126, no día nas calendas de abril, os linteis dos pórticos principais da Igrexa de Santiago foron asentados polo Mestre Mateo, que executou as obras dende os seus fundamentos”. E así consta, labrado, baixo os linteis do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela.

O Pórtico da Gloria está formado por un conxunto de tres arcos, esculpido polo Mestre Mateo en só 20 anos, cun simbolismo que explica o pecado orixinal, a redención e xuízo final. Máis de 200 figuras de granito que forman unha mensaxe teolóxica centrado na salvación da humanidade. A obra orixinal estaba policromada, como era habitual na imaxinería relixiosa do románico, pintada de branco, negro, vermello, azul e dourado de pan de ouro.

A Real Academia Galega de Belas Artes escolleu esa data do 1 de abril para homenaxear @s artistas galeg@s en memoria desa efeméride co nome de Día das Artes Galegas. O primeiro ano, no 2015, dedicado ao Mestre Mateo; 2016 a Castelao; 2017 a Maruxa Mallo; 2018 a Alejandro de la Sota; 2019 a Luís Seoane e no 2020 dedicado ao arquitecto Domingo de Andrade.

Detalles

Data:
1 - Abril