- Este evento pasou.
Joaquín Pintos
16 - Outubro
O 16 de outubro de 1967 morre en Pontevedra o fotógrafo Joaquín Pintos.
En 1909 participa na Exposición Rexional de Santiago cunha reportaxe sobre un hotel-balneario da que logo serían editadas postais. Colaborou nas revistas ilustradas Galicia Moderna, Vida e con grandes medios do momento, tanto a nivel galego como estatal, entre eles ABC e a Axencia Efe. Coa obra Gitana obtén a medalla de ouro no Primeiro Salón Internacional de Fotografía celebrado en Madrid no ano 1921, á que lle seguirán outros premios como o acadado por un traballo de fotos sobre o libro Aires da Miña Terra de Curros Enríquez. En 1929 as súas fotos estarán en Bos Aires nunha mostra de pintura galega. Da época da Guerra Civil fotografía desfiles, mitins, enterros… Fai reportaxes sobre as minas de wolfran de Silleda, das inundacións de Padrón e diversos aspectos do rural e do mar que son dun grandísimo valor etnográfico. En 1949 nun concurso da revista madrileña Sombras foi considerado o mellor fotógrafo do Estado. Pintos foi sobre todo un gran retratista de mulleres.