Loading Events

« All Events

Jenaro Marinhas del Valle

23 - Decembro

23dO 23 de decembro de 1999 morre na Coruña o escritor Jenaro Marinhas del Valle. Jenaro Marinhas, quen afirmaría sempre o carácter universal e lusófono do galego, foi tesoureiro da Irmandade da Fala da Coruña, figurou entre os fundadores das Mocidades Galeguistas, das que foi primeiro presidente, foi militante do Partido Galeguista e tomou parte activa na campaña a favor do Estatuto de Autonomía. Dos anos da preguerra data o seu primeiro texto teatral, que fora entregado a Ánxel Casal e que se perde co asasinato do editor. Da mesma altura son os seus primeiros contributos xornalísticos no xornal A Nosa Terra e as súas primeiras poesías en Vida Gallega. Novelista e poeta a súa obra está centrada principalmente na produción dramática, a súa obra teatral chega a acadar os 50 títulos, e en textos teóricos á volta do feito escénico. Participou na creación de Galaxia e da revista Grial. Membro numerario da Real Academia Galega renunciaría á cadeira que ocupaba por desconformidade co rumbo da institución. A súa defensa da unidade lingüística galego-portuguesa levouno a un afastamento dentro do mundo cultural. Foi Membro de Honra da Asociación de Escritores en Língua Galega e da Associaçom Galega da Língua. Ocupou os cargos de Vice-Presidente da Comissão para a Integração da Língua da Galiza no Acordo da Ortografia Simplificada. Debido ao seu labor en defensa da lingua foi homenaxeado por entidades como a Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, a Agrupación Cultural O Facho e a Asociación Alexandre Bóveda. Foi candidato ao Senado en dúas ocasións nas listas do BNG.

Details

Date:
23 - Decembro