Isidro Parga Pondal
17 - Decembro
O 17 de decembro de 1900 nace en Laxe (A Coruña) Isidro Parga Pondal. Docente e científico de recoñecido prestixio internacional foi o autor do primeiro mapa xeolóxico de Galiza e fundador do Instituto Mineralóxico de Laxe. Como profesor na USC, en tan só quince anos de docencia sería un dos innovadores máis importantes que tivo institución, incorpora a muller aos equipos de investigación e achega a universidade compostelá á comunidade científica internacional. Membro da Irmandade da Fala de Santiago pertenceu ao Partido Galeguista e ao Seminario de Estudos Galegos a través do que levaría a cabo un importante labor galeguizador no ámbito universitario. En 1935 pon en marcha o Laboratorio de Xeoquímica. Nos primeiros tempos da sublevación fascista é expulsado da universidade por esquerdista e galeguista, sendo suspendido primeiramente de emprego e soldo e logo separado definitivamente do seu posto docente. En 1940 fundou o Laboratorio Xeolóxico de Laxe que ocuparía toda a súa vida científica e profesional. Na revista do Seminario de Estudos Galegos aparecerían os seus primeiros escritos sobre xeoquímica, o inicio de máis de cen publicacións, sobre todo no terreo da mineraloxía e a cartografía. En 1960 ingresou na Real Academia Galega. Parga Pondal era sobriño neto do poeta Eduardo Pondal.