Cargando eventos

« Todos eventos

  • Este evento pasou.

Ingreso na RAG. Discursos 1906-1936

20 - Abril

‘Un pueblo que olvida su lengua es un pueblo muerto’
Manuel Murguía, primeiro presidente da Real Academia

O 4 de setembro de 1905 na Casa do Consulado da Coruña, nunha Xunta Extraordinaria presidida por Manuel Murguía, constitúese a Real Academia. Nesa xunta, entre outros asuntos, acórdase que a residencia da Academia sexa A Coruña, decídese que sexan 40 os membros de número [1], apróbanse os estatutos da institución e establécese unha Xunta anual en cada unha das cidades galegas. Así mesmo serán elixidos os cargos para a Xunta de Goberno, resultando Manuel Murguía presidente; Uxío Carré Aldao, secretario; Galo Salinas Rodríguez, arquiveiro-bibliotecario e José Pérez Ballesteros, tesoureiro.
Será o domingo 30 de setembro de 1906 cando se inaugure oficialmente baixo a Presidencia de Murguía a Real Academia Galega no salón da coruñesa Reunión Recreativa e Instrutiva de Artesáns. O discurso de Murguía como presidente, que sería lido por Manuel Banet Fontenla, versou sobre o idioma.

Antes de xullo de 1936 lerían o seu discurso de ingreso na Academia, segundo a documentación da propia Real Academia, dezanove persoeiros. Deles faríano en galego: Amador Montenegro, Ramón Cabanillas, Evaristo Martelo Paumán, Vicente Risco, Otero Pedrayo, Antón Vilar Ponte e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao [2].

O 13 de decembro de 1909, á idade de 45 anos, ingresa na Real Academia Amador Montenegro Saavedra co discurso ‘Alma da poesía gallega’, converténdose no primeiro membro da institución en ler o discurso de ingreso en galego. Fora proposto como novo membro por Salvador Golpe Varela, Manuel Lago González e José Pérez Ballesteros. A contestación, realizada polo académico Juan Barcía Caballero, tamén foi en galego. Ocuparía a cadeira de Arturo Vázquez Núñez.

No 31 de agosto de 1920 tiña lugar no Balneario de Mondariz, nunha histórica primeira sesión da Real Academia fora da súa sede, o acto de recepción de Ramón Cabanillas como membro de número. Faríao coa lectura do discurso ‘A saudade nos poetas galegos’. O discurso foi respondido en nome da Academia por Eladio Rodríguez González. Cabanillas fora proposto por Francisco Tettamancy, Florencio Vaamonde Lores e Eladio Rodríguez González. O semanario ‘La Temporada en Mondariz’ recollería no seu número 14 do 5 de setembro de 1920, unha extensa reportaxe sobre a súa cerimonia de recepción na Academia. O complexo de Mondariz, rexentado por Enrique Peinador Lines,  acolleu eses días os actos, ao lado do ingreso de Cabanillas, do ingreso de Antonio Rey Soto que se celebrara o día anterior e unha  homenaxe a Manuel Murguía que se celebraría o día seguinte, mércores 1 de setembro. Cabanillas, contaba 44 anos cando ingresa na Academia e sucede na cadeira a José Salgado Rodríguez.

Evaristo Martelo Paumán ingresa o 16 de xuño de 1921 co discurso ‘Pondal e a súa obra’. Resposta en nome da Academia, Uxío Carré Aldao, tamén en galego. Contaba 68 anos na data do seu ingreso. A súa candidatura como académico de número fora proposta en xunta ordinaria celebrada o 17 de xullo de 1920 polos académicos Manuel Murguía, Francisco Tettamancy e Florencio Vaamonde para ocupar a praza vacante, por falecemento, de Eduardo Pondal. No seu discurso faría extensa análise encomiástica do legado poético de Pondal.

Vicente Risco contaba 45 anos cando ingresa como académico o 23 de febreiro de 1929 co discurso ‘Un caso de lycantropía: (o home-lobo)’. Nel desenvolvería o caso de Manuel Blanco Romasanta, o lobishome de Allariz, e a licantropía en Galiza. Responde en nome da Academia Ramón Cabanillas. Fora proposto por Manuel Martínez Murguía, Eladio Rodríguez González e Manuel Lugrís Freire e ocuparía a cadeira de Francisco Tettamancy.

Otero Pedrayo lería o seu discurso de ingreso o 9 de decembro dese 1929. No número 73 da revista Nós aparecerá a crónica da súa recepción na Academia que se celebraría no Salón de actos do Círculo de Artesáns da Coruña. ‘Romantismo, saudade e sentimento da raza e da terra en Pastor Díaz, Rosalía de Castro e Pondal’ é o título do seu discurso de ingreso, discurso ao que respondería Vicente Risco. Fora proposto por Marcelo Macías, José Vega y Blanco e Eladio Rodríguez González e ocuparía a cadeira de Francisco Ponte y Blanco. Pola extensión do discurso Otero Pedrayo só daría leitura a algúns treitos seleccionados. Otero Pedrayo contaba con 41 anos cando ingresa na Academia. A súa recepción como académico tería lugar oito días despois do previsto por mor dun accidente de tránsito que sufrira ao pé da Torre de Hércules  na mañá do día inicialmente disposto para o seu ingreso. [3]

Coa entrada de Vicente Risco e Otero Pedrayo, os dous no mesmo ano de 1929,  a Academia empezaba a incorporar algún membro das Irmandades da Fala, Seminario de Estudos Galegos e Partido Galeguista. Antón Vilar Ponte e Castelao non terían entrada até 1934. As relacións das Irmandades da Fala coa Academia foron en ocasións complicadas, entre outras razóns polo pouco compromiso mostrado pola Academia na defensa da lingua. Poden servir como exemplo as propias palabras de Antón Vilar Ponte: ‘Cando ingrese farei unha proposta para que no termo de cinco anos, como mínimo, tódolos académicos de número se poñan en condicións de saberen falar e escribir o galego, para que nas sesións, cando menos, o empreguen en troques do castelán’. As discrepancias atinxían tamén a escolla que a Academia facía de membros e presidentes.
Houbo que esperar a 1934 para que ingresen na Academia Antón Vilar Ponte e Castelao. Será nas datas do 24 e o 25 de xullo. A recepción dos novos académicos terá  lugar no Salón de Actos do Concello da Coruña e alcanzarían un grande eco na prensa do momento, tanto na Galiza como na emigración.

Proposto por Eladio Rodríguez González, Félix Estrada Catoyra e Francisco Ponte, o 24 de xullo de 1934, cando contaba 53 anos e sucedendo na cadeira a Manuel Lago González,  le o seu discurso de ingreso na Academia Antón Vilar Ponte. Leva por título ‘O sentimento liberal na Galiza’. Responde en nome da Academia Ramón Otero Pedrayo. Antón Vilar Ponte apenas será ano e medio académico do 24/07/1934 a 04/03/1936. Morrerá o 4 de marzo do 36 dunha perforación gástrica.

O día 25 de xullo, ao día seguinte do ingreso de Antón Vilar Ponte na Academia, no propio Día de Galicia de 1934, ingresa Castelao na Academia co discurso ‘As cruces de pedra na Galiza’. Responde en nome da Academia o propio Vilar Ponte. Castelao fora proposto por Marcelo Macías, Vicente Martínez-Risco e Ramón Otero Pedrayo. Na súa proposta de ingreso indicaban:
 Real Academia Galega
Os Académicos que abaixo firman, teñen a honra de propôr a esa douta Corporación, pra ocupar a vacante n-ela deixada pol-o Sr. D. Xosé Pan de Soraluce, ao insine artista e escritor Don Alfonso Rodríguez Castelao.
Diante d’iste nome, os propoñentes cóidanse dispensados de toda loubanza, e coidan qu’a proposta de tan ilustre galego ha ser acollida por todol-os Señores Académicos con unánime ledicia.
Co-iste motivo, saúdan garimosamente a esa Corporación e facemos votos pola sua prosperidade.
Ourense, a doce de Febreiro de mil novecentos trinta
Marcelo Macías, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo.
Contaba Castelao 52 anos cando ingresa na Academia sucedendo a Xaime Ozores de Prado [4]. O seu memorable discurso sería avance da obra que co mesmo título publicaría en 1950 en Bos Aires.
Escasamente dous anos estaría fisicamente Castelao como membro da Academia. Por decisión política, camuflada baixo un traslado administrativo forzoso, Castelao estivo desterrado en Badaxoz desde outubro de 1934 até setembro de 1935, feito ao que seguiría en breve o levantamento fascista do 18 de xullo do 1936, e con el o exilio de Castelao.
Así como a represión fascista a partir do 18 de xullo do 36 faría lume e sangue co Seminario de Estudos Galegos e o seu patrimonio e co Partido Galeguista, non pasou o mesmo coa Real Academia, institución moito menos significada, e Castelao non sería dado de baixa, figurando oficialmente como académico de número até o 7 de xaneiro de 1950, día do seu falecemento. A súa necrolóxica foi publicada nas páxinas 159-160 do tomo XXV do Boletín da Academia, tomo que corresponde ao período que vai de xaneiro de 1946 a decembro de 1950. Aparece redactada en galego, sen foto, co título só ‘Castelao’ e asinada coas iniciais R.O.P. que corresponden a Ramón Otero Pedrayo. As outras once necrolóxicas de membros de número publicadas no mesmo volume aparecerán redactadas en castelán e con foto.

 

Notas.
Aquelas persoas, revistas, xornais ou feitos que tiveron entrada ou forman parte dunha entrada no Almanaque da Asociación Cultura Alexandre Bóveda e a AS-PG van citados en nota indicando día e mes.

[1]
Serían membros fundadores:
Manuel Amor Meilán; Ánxel Amor Ruibal (11 de marzo); Ramón Armada Teixeiro (1 de xullo); Manuel Banet Fontenla (30 de marzo); Xan Barcia Caballero; Ramón Bernárdez González (16 de xuño); Salvador Cabeza de León (5 de febreiro); Uxío Carré Aldao (5 de novembro); Bieito Fernández Alonso; Celso García de la Riega; Salvador Golpe Varela (23 de xuño); Manuel Lago González (18 de marzo);Valentín Lamas Carvajal (7 de febreiro); Manuel Leiras Pulpeiro (25 de outubro); Antonio López Ferreiro (20 de marzo); Manuel Lugrís Freire (15 de febreiro); Marcial Miguel de la Iglesia; Marcelo Macías; Federico Maciñeira (3 de setembro); Manuel Murguía (1 de febreiro); Andrés Martínez Salazar (8 de febreiro); Eladio Oviedo Arce; Xosé Pérez Ballesteros (30 de xullo); Rafael Pérez Barreiro; Pablo Pérez Constanti (2 de decembro); Eduardo Pondal (8 de marzo); Wenceslao Requejo Pérez; Eladio Rodríguez González (14 de abril); Xesús Rodríguez López (24 de marzo); Francisco Romero Blanco; Galo Salinas (14 de marzo); Casto Sampedro Folgar (8 de abril); Leandro Saralegui Medina; Emilio Tapia Rivas; Francisco Tettamancy Gastón (15 de maio); Ramón Toxo Pérez (7 de outubro); Florencio Vaamonde Lores (20 de outubro); Indalecio Varela Lezano (14 de xuño);  Arturo Vázquez Núñez (2 de marzo); Xosé Vega Blanco.

[2]
Amador Montenegro (13 de decembro); Ramón Cabanillas (3 de xuño); Evaristo Martelo Paumán (25 de abril); Vicente Risco (30 de abril); Otero Pedrayo (5 de marzo); Antón Vilar Ponte (2 de outubro); Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (7 de xaneiro).

[3]
Na mañán do día primeiro do mes de nadal do 1929 chegóu á Coruña don Ramón Otero Pedrayo, na compaña da súa muller. Ía facer a recepción como numerario da Academia Galega, que tería de se celebrar no salón da “Reunión de Artesanos”.
Pola tardiña, no mesmo automóvil que trouguera aos viaxeiros á cidade herculina, achegóuse o matrimonio deica a Torre de Hércules. Ao se parar frente á Torre, baixóu o conductor pra lles abrir a porta do vehículo. Nese mesmo intre, o coche deslizóuse sin frenos pola pronunciada encosta e pasóu, a piques de se despenar, pola beira do acantilado. Volcóu o auto, e foi de certo un miragre que non ocurrise unha catástrofe.
Noustante, don Ramón sofríu un forte golpe nunha perna que o deixóu inutilizado (…)
Desde o accidente habíalle quedar xa pra sempre ao escritor ourensán un calco dooroso que se recrudecería anos máis tarde.
Oito días despóis do suceso sentíase don Ramón moi millorado. E o nove daquel mes lía o seu discurso de ingreso no fermoso salón do vello Circo.
O discurso de ingreso na Academia Galega. O rego da cultura. Grial nº 52, abril-xuño 1976. Editorial Galaxia. Vigo.

[4]  Sobre Xosé Pan de Soraluce, que falece en Madrid no ano 1948, indica Ramón Villar Ponte que non tomou posesión “por ausencia” (Días, hechos y hombres de la Real Academia Gallega, La Coruña, Impr. Moret, 1953, p. 45). Castelao sucedería na cadeira a Xaime Ozores de Prado.

Detalles

Data:
20 - Abril