Herminia Fariña Cobián
26 - Outubro
O 26 de outubro de 1966 morre a escritora, poeta e dramaturga Herminia Fariña Cobián. Con só 15 anos, nun Ciclo dedicado á poesía galega no Círculo de Artesán da Coruña, Herminia Fariña deu lectura a varios dos seus poemas. Publicará en A Nosa Terra e colaborará en diversas revistas e xornais. O seu poemario Seara, con trinta e cinco composicións e ilustrado por Luís Pintos Fonseca, sae do prelo en 1924. Tería certo éxito como dramaturga, con pezas como Margarida a Malfadada, estreada en Vigo en 1927 polo Cadro de Declamación Agrupación Galega A súa última publicación Gabanza e prego á miña aldea Simes é un folleto de catro páxinas impreso en 1960 e dedicado a Simes (Meaño) a onde volveu nos seus últimos anos.