Cargando eventos

« Todos os eventos

Gran Guerra Irmandiña

25 - Abril

Castelo RamiroO 25 de abril de 1467 foi arrasada a primeira fortificación, o Castelo Ramiro, preto de Ourense polo exercito Irmandiño. A Gran Guerra Irmandiña, a maior revolta europea de todo o século XV, foi unha revolta social que tivo lugar en Galiza entre 1467 e 1469 nunha situación de conflito social contra os abusos por parte da nobreza galega. Xa en anos anteriores, milleiros de labregos galegos, unidos en irmandade, erguéronse contra os señores que os asoballaban e que esixían rendas e servizos que non lles correspondían. A Irmandade Fusquenlla tivo lugar en 1431, con Roi Xordo á fronte, nas terras dos Andrade; en 1451, a Primeira irmandade nas rías de Pontevedra e Arousa. Despois xurdiron as irmandades da Coruña e Betanzos, seguidas das de Santiago de Compostela, Muros e Noia de 1458.

Nos principios da primavera de 1467 chegou a revolta xeral, cando as Xuntas das Irmandades, organizadas en todas as comarcas galegas, lanzaron a consigna de derrubar as fortalezas, símbolo do acoso señorial e comeza así unha revolta contra as inxustizas que o pobo recibía da nobreza. Durante máis de dous anos derrubaron decenas de fortalezas por toda a xeografía galega, e fixeron fuxir a aqueles señores contra os que se sublevaron, mais a resposta feudal non se fixo agardar. No ano 1469, comandados por Pedro Madruga, os señores recuperaban as súas antigas fortalezas e castigaban a aqueles rebeldes que loitaran por un mundo máis xusto.

En poucas décadas aquela vella orde sería substituída por un control máis férreo por parte da monarquía e da administración castelá en Galiza. Sería o proceso histórico que foi coñecido como “doma e castración” do reino de Galiza.

Detalles

Data:
25 - Abril