Cargando eventos

« Todos os eventos

  • Este evento pasou.

Programa radiofónico “Galician Programme”

14 - Abril

Galician ProgrammeÁs 23.45 horas do 14 de abril de 1947, comezaba a primeira programación radiofónica estable en galego na BBC de Londres, “Galician Programme” unha xanela aberta á difusión da lingua e da cultura galegas en pleno franquismo desde a máis prestixiosa emisora do mundo.

Con estas palabras “Co Programa dista noite damos comezo ás nosas transmisiós en língoa galega” comezou un programa que daba resposta á estratexia do galeguismo para estar presente no mundo con colaboracións fundamentalmente de carácter cultural e literario. O espazo emitíase, cunha duración variable, cada tres semanas dentro do “Spanish Programme”, alternándose cos dedicados ás culturas catalá e vasca. A melodía de Cock of the North, unha popular canción escocesa, marcaba o inicio e o Alalá de Bande, a Muiñeira de Cartelle ou o Pasacorredoiras de Arnoia, o peche, como se pode ver nos máis de oitenta guións do “Galician Programme” custodiados na RAG.

A lingua galega tivera presenza na radiodifusión xa desde os tempos da II República, despois do golpe de estado, este medio serviu como forma de resistencia democrática desde o exterior, con emisións como as realizadas para as colectividades galegas en América, con programas como “Sempre en Galiza”, posto en marcha en Montevideo en 1950, aínda hoxe en antena, ou “Galicia emigrante”, dirixido desde Bos Aires por Luís Seoane (1954–1971).

Detalles

Data:
14 - Abril