Loading Events

« All Events

Fundación do Partido Galeguista

6 - Decembro

6dO 6 de decembro de 1931 fúndase o Partido Galeguista. Na VII Asemblea Nacionalista celebrada durante o 5 e 6 de decembro no salón de festas do Hotel Madrid de Pontevedra acórdase a creación dun partido político que aglutinase o galeguismo. Constitúese deste xeito o Partido Galeguista e disolvéndose as Irmandades da Fala e defínense o modelo organizativo e os principais obxectivos. Nesta histórica asemblea de constitución acórdase reclamar por vez primeira na historia de Galiza o dereito de autodeterminación e márcase como primeiro obxectivo político do partido a redacción dun Estatuto de Autonomía. Alexandre Bóveda sería nomeado Secretario de Organización e Castelao e Otero Pedrayo formarán parte do Consello Executivo. O seu órgano de prensa foi A Nosa Terra. A Federación de Mocedades Galeguistas, sección xuvenil do Partido Galeguista, fúndase en xaneiro de 1934 contando con 1.000 afiliados. Formarán parte do PG toda unha xeración de nacionalistas que fixo posible a consecución do Estatuto de Autonomía de 1936. O 25 de xaneiro de 1936 aprobouse o ingreso do Partido Galeguista na Fronte Popular para concorrer nas eleccións xerais de 1936 con cinco candidatos galeguistas, Castelao, Bóveda, Xerardo Álvarez Gallego, Ramón Suárez Picallo e Antón Vilar Ponte. Despois do golpe de estado do 36 o réxime fascista poñería o punto de mira nos membros do Partido Galeguista sendo asasinados moitos dos seus membros. Outros desde o exilio seguirán a súa liña chegando a constituír en outubro de 1944 o Consello de Galiza.

Details

Date:
6 - Decembro