Fontenla Leal
12 - Febreiro
O 12 de febreiro de 1864 nace Fontenla Leal. Xosé María Benito Fontenla Leal, nado en Ferrol e finado na Habana o 5 de decembro de 1919, foi un intelectual galeguista impulsor da Academia Galega. En 1886 funda, xunto con Secundino Cora García, a “Revista de Galicia”, publicación mensual bilingüe de curta duración. Foi colaborador do “Diario de la Marina”. En 1917 foi comisionado polo Centro Gallego para acompañar a Galiza os restos mortais do músico José Castro “Chané”. É considerado peza indispensable na elaboración do Himno Galego, pois escribiu en varias ocasións a Pascual Veiga e a Eduardo Pondal instándoos a elaboraren a letra e a música do Himno, composición que foi estreada na Habana o 20 de decembro de 1907.