Cargando eventos

« Todos os eventos

Domingo Fontán

24 - Outubro

24oO 24 de outubro de 1866 falecía en Cuntis (Pontevedra), a onde acudira para tomar as augas, Domingo Fontán Rodríguez o autor do primeiro mapa topográfico e científico de Galiza e o primeiro mapa con rigor científico do Estado Español. En 1817 inicia a que será a súa grande obra, a Carta Geométrica de Galicia, a partir da triangulación do territorio galego como base e método para levar a cabo o levantamento cartográfico. Esta obra excepcional levoulle 17 anos, desde 1817 até 1834. O sistema empregado por Fontán para realizar a Carta Geométrica consistiu en elaborar unha malla triangular sobre o territorio con vértices nos cumes de montes e promontorios, toda unha elaboración de rectas e ángulos que tiñan como referencia un punto cero, a Torre do Reloxo da catedral de Santiago. Haberá que esperar a 1845 para a súa impresión. A obra foi gravada en doce pedras litográficas, no obradoiro do gravador Bouffard e do impresor Lemercier, en París, a onde se desprazou o mesmo Fontán para supervisar a edición. Unha das razóns polas que se sitúa esta obra na vangarda científica do momento foi polo emprego precursor que fixo do metro como unidade de medida. Tamén se adiantou Fontán aos mapas oficiais doutros países europeos coa utilización da escala cenmilésima. Fontán foi deputado polo Partido Liberal e loitou pola abolición dos foros e contra o caciquismo. Participou na creación da primeira fábrica de papel de Galiza, construída en Lousame en 1863, e traballou no deseño do trazado da primeira liña férrea.

Detalles

Data:
24 - Outubro