
- Este evento pasou.
Constitución de AELG
3 - Maio
O sábado 3 de maio de 1980 no local da Federación de Libreiros de Galicia constitúese en Compostela a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
Días despois, o sábado 24 de maio, no Museo do Pobo Galego ten lugar a reunión onde se iniciaría o proceso de aprobación dos estatutos e a elección da primeira xunta directiva.
A prensa recollerá algúns dos asuntos básicos dos estatutos aprobados: “Serán considerados escritores galegos quen teña a súa obra publicada en galego e se comprometa, na teoría e na práctica, a defender a oficialidade da lingua galega en todos os campos”.
A sede provisional da Asociación quedaría fixada no Museo do Pobo Galego en Santiago de Compostela.
É elixido presidente Bernardino Graña. Ao longo do tempo ocuparían a presidencia, ademais de Bernardino Graña, Uxío Novoneyra, Antón Avilés de Taramancos, Carlos Mella, Euloxio R. Ruibal e Cesáreo Sánchez Iglesias.
A AELG é unha entidade oficial que na actualidade reúne a máis de 470 escritores e escritoras. É un dos órganos instituídos pola Academia Sueca con competencia oficial para presentar candidatura aos Premios Nobel e forma parte do European Writers’ Council. Con Euskal Idazleen Elkartea e a Associació d’Escriptors en Llengua Catalana, do lanzamento do Galeusca, realiza encontros periódicos de escritores e escritoras dos tres espazos literarios organizados de xeito rotativo polas tres asociacións promotoras.
Organiza anualmente a homenaxe “O/A Escritor/a na súa Terra”, outorgou os Premios AELG e forma parte da organización dos Premios Follas Novas do Libro Galego ás mellores obras literarias do ano.