Consello de Galiza
15 - Novembro
O 15 de novembro de 1944 fúndase en Montevideo o Consello de Galiza, o que será goberno galego no exilio despois do golpe militar do 36. Tivo á fronte a Alfonso Rodríguez Castelao, Elpidio Villaverde Rey, Ramón Suárez Picallo e Alonso Ríos, os catro deputados galegos eleitos das Cortes republicanas. Castelao asumiría a presidencia e Alonso Ríos a secretaría. A intención do Consello foi defender a vontade política de Galiza expresada nas últimas eleccións republicanas e no plebiscito do Estatuto galego, celebrado o 29 de xuño de 1936. A creación do Consello de Galiza equipararía politicamente aos galegos cos vascos e cataláns e así poderíase asinar o novo pacto Galeuzca, que xa non será un convenio de partidos senón de Gobernos. O Consello de Galiza nomeou, entre outras cidades, delegados en París, Cuba, Montevideo e México, e acabaría por se converter na principal ferramenta de organización política do galeguismo exterior.