Loading Events

« All Events

  • This event has passed.

A Asociación de Escritores de Galicia de 1936

29 - Marzo

…con el fin de agrupar a todos los escritores gallegos en mutua y eficaz defensa de sus intereses profesionales, y para, colectivamente poder realizar una labor más intensa, y poder rendir mayor utilidad en el bien del país gallego y de sus altos destinos. En este sentido la asociación organizará exposiciones de arte, veladas teatrales, fiestas literarias, concursos de conferencias, bibliotecas etc., y se esimulará la edición y venta del libro gallego’

Regulamento da Asociación de Escritores de Galicia, artigo 1.

Nota: Aquelas persoas, revistas, xornais ou feitos que tiveron entrada ou forman parte dunha entrada neste Almanaque van indicadas entre paréntese por día e mes)

A Asociación de Escritores de Galicia constiuída en 1936 tería un antecedente en 1930. Indica Antón Capelán que a Asociación de Escritores de Galicia de 1930 empezaría a proxectarse no enterro de Losada Diéguez o 15 de outubro de 1929 (15 de outubro), enterro ao que asistirá un nutrido grupo da intelectualidade galega. O xornal agrarista La Zarpa (27 de xullo), daría noticia da súa constitución que tería lugar o 10 de xullo de 1930 [1]. Na realidade esta Asociación nunca chegaría a ter actividade.

Aínda que durante tempo houbo voces que proclamaban a necesidade dunha institución coma esta, o que suporía un apoio ao libro galego e á súa difusión, e neste contexto á editorial Nós de Ánxel Casal (19 de agosto) que pasa por graves problemas económicos, e ademais constituiría unha plataforma para as bases do galeguismo-nacionalismo, non será até 1936 que Antón Vilar Ponte, quen xa formara parte da Asociación de 1930, poucos meses antes da súa morte empraza a Álvaro de las Casas para o seu lanzamento. Enseguida, catorce días despois da morte de Vilar Ponte, Álvaro das Casas vai propoñer no artigo ‘Primeros toques de llamada’ publicado en El Pueblo Gallego (27 de xaneiro) tres iniciativas de homenaxe urxente a Antón Villar Ponte, unha delas a inmediata e efectiva constitución da Asociación de Escritores Galegos ‘por la cual Villar Ponte luchaba día tras día, incansable’. A asociación crearase once días despois. A asemblea de constitución ten lugar o 29 de marzo no Salón de Sesións do concello de Santiago baixo a presidencia de Ánxel Casal, alcalde nese momento da cidade. A ela asiten 25 escritores [2] e conta coas adhesións de preto de outos 40 [3]. Estes escritores que mostraron a súa adhesión serán tamén considerados membros fundadores. Presidirá a asemblea Roberto Blanco Torres, proposto por ser un dos membros fundadores da Asociación de 1930. Ánxel Casal será nomeado Socio de Honra e tomarase o acordo de facerlle unha homenaxe. Así mesmo nesta asemblea proponse solicitar unha pensión ao Goberno para a familia de Antón Villar Ponte, en gravísima situación económica.

Algúns dos acordos desta asemblea de constitución foron:

Conmemorar en 1937 o centenario de López Ferreiro e iniciar a organización do centenario do nacemento de Rosalía.

Facer unha mostra do libro galego, na que figuraría a produción dos escritores galegos das diversas épocas.

Solicitar a creación de cátedras de Lingua Galega nas Escolas Normais e unha de Lingua e Literatura Galega na Facultade de Letras de Santiago.

Dirixirse ao Ministerio de Instrucción Pública para que se respete a toponimia galega nos mapas, censos e documentación oficial.

Solicitar a adquisición de libros galegos para as bibliotecas públicas.

Para a primeira Xunta Directiva preséntase unha única lista que sae electa por aclamación:

Presidente: López Abente

Secretario Xeral: Álvaro de las Casas

Secretario de Actas: Fernández del Riego

Vogais: Julio Sigüenza, Blanco Torres, Martínez Morás, Santos Bugallo, Iglesias Alvariño e Lustres Rivas.

Nómeanse así mesmo os membros correspondentes da Asociación [4] e fíxase a súa sede de xeito provisorio na Editorial Nós, Rúa do Vilar 15.

O Regulamento da Asociación de Escritores publicaríase en El Pueblo Gallego co antetílulo ‘Instituciones de la cultura gallega’.

Na revista Nós, no número 139-144 de xullo-nadal de 1936, número que non chegaría a distribuirse polo levantamento fascista, López Abente como Presidente e Álvaro de las Casas, como secretario da Asociación de Escritores de Galicia, asinarían a convocatoria de homenaxe a Casal:

“A Asociación de Escritores de Galicia rende conmovido Homenaxe A

D. Anxel Casal Gosenxe

xerente desta revista, fundador da Editorial Nós; editor patriota, intelixente e xeneroso, que botóu nas oito enfilacións dos ventos, co novo renacimento das nosas letras, as óptimas sementes do rexurdir da Patria.

Esta Asociación intentaría conseguir unha nova lei de propiedade intelectual.

A súa actividade queda rota co triunfo fascista que a fará desaparecer e varios dos seus membros fundadores serán executados. É o caso de Blanco Torres, Xohán Carballeira, Victor Casas, Xoán Xesús González, Lustres Rivas, Xaime Quintanilla e Jacinto Santiago. Outros dos seus membros serían separados dos seus cargos e inhabilitados.

…….

[1] Presidente Otero Pedrayo (5 de marzo) e Secretario Xeral Álvaro de las Casas (2 de xullo). Antón Vilar Ponte (2 de outubro), Castelao (7 de xaneiro, 30 de xaneiro), Noriega Varela (19 de outubro), Cándido Fernández Mazas (10 de xullo), Vicente Risco (30 de abril), Roberto Blanco Torres (3 de outubro), Jacinto Santiago (10 de xullo), Paz Andrade (19 de maio), Rafael Dieste (29 de xaneiro), Rodríguez Sanjurjo, Florentino López Cuevillas (30 de xullo), Bal y Gay (10 de xullo) e Fernández Armesto (10 de xullo).

[2] Joaquín Arias Sanjurjo (1 de setembro), Blanco Torres (3 de outubro), Fermín Bouza Brey (11 de xuño), Carvalho Calero (25 de marzo), Arturo Cuadrado (6 de agosto),

Leandro Carré (30 de agosto), Fernández del Riego (10 de xaneiro), Filgueira Valverde (13 de setembro), Frade Giráldez, García Barros (12 de abril), Xoán Xesús González (9 de novembro), López Abente (24 de marzo), López Aydillo, Lustres Rivas (10 de novembro), Fernando Martínez Morás (11 de setembro), Paz Andrade (19 de maio), Paulino Pedret Casado (8 de decembro), Roxelio Pérez González (18 de xuño), José Posada-Curros, Rey Alvite, San Luís Romero (9 de setembro), Jacinto Santiago (10 de xullo), Santiso Girón (18 de marzo),Taboada Tabanera e Torres Quiroga

[3] Xerardo Álvarez Gallego, Álvarez Limeses (19 de febreiro), Manuel Bergueiro López, José Bremón Sánchez, Johan Carballeira (17 de abril), Carré Andáriz, Augusto Mª Casas, Víctor Casas (31 de xullo), Plácido Castro (25 de xaneiro), Castelao (7 de xaneiro, 30 de xaneiro), Angel del Castillo (24 de xaneiro), Conde de Rivera, Álvaro Cunqueiro (22 de decembro), Marcelino Dafonte, Angel Fernández, Ánxel Fole (9 de maio), Gallástegui Unamuno, Salvador García-Bodaño Fernández, Roberto González Pastoriza, Luís Manteiga (29 de maio), Martínez Pereiro, Adelardo Novo, José Núñez Búa (31 de decembro), Osorio Tafall (3 de decembro), Otero Pedrayo (5 de marzo), Gumersindo Placer López, Salustiano Portela Pazos, Modesto Prieto Camiña, Xaime Quintanilla (18 de agosto), Vicente Risco (30 de abril), Eladio Rodríguez González (14 de abril), Santos Bugallo, Angel Sevillano, Victoriano Taibo (22 de abril), Antonio Tenreiro, Ramón Vilar Ponte e Viñas Calvo (2 de outubro).

[4] Indícase unicamente o día e mes do www.almanaquedasirmandades só no caso de non ter cita anterior.

Castelao: Madrid; María Luz Morales: Barcelona (1 de xaneiro); Blanco Amor: Bos Aires (14 de setembro); Otero Pedrayo: Ourense; Roxelio Pérez: Pontevedra; Ánxel Fole: Lugo (9 de maio); Plácido Castro: A Coruña; Posada-Curros: Vigo; Santiso Girón: Santiago; Carvalho Calero: Ferrol; Lisardo Barreiro: Vilagarcía; Torres Quiroga: Tui; Álvaro Cunqueiro: Mondoñedo (22 de decembro);

García Barros: A Estrada.

Details

Date:
29 - Marzo